LinkedIn supera os 500 millóns de usuarios

luns, 24 de abril do 2017 Marcus Fernández

A plataforma social profesional máis empregada a nivel mundial, LinkedIn, pese a non gozar da popularidade de Instagram ou Facebook, si ten unha masa de usuarios impresionante, como demostra o feito de que veñen de superar os 500 millóns de membros repartidos nuns 200 países, facilitando así o establecemento de comunicacións profesionais e a busca de oportunidades laborais grazas ás conexións establecidas entre os seus usuarios.
Os responsables da compañía aseguran que a comunidade virtual que amparan representa máis de 10 millóns de traballos activos, facilita o acceso a máis de 9 millóns de empresas e cada semana recolle máis de 100.000 artigos, facilitando así que os profesionais poidan estar informados do que acontece no seu sector.
O impacto profesional que pode chegar a ter a actividade en LinkedIn é moi importante, xa que a plataforma abre o acceso a centos de persoas coas que cadaquén pode relacionarse para progresar profesionalmente, permite saber de numerosas empresas interesadas na contratación de perfís profesionais que se axusten aos nosos talentos e habilidades e establece conexións con centos de traballos. Loxicamente, canto maio sexa o tamaño de LinkedIn maiores serán as vantaxes de participar nesta plataforma que tanto pode empregarse para a procura de futuros empregos como para establecer comunicacións profesionais dentro do posto actual, polo que as súas posibilidades son moi superiores ás que moitos usuarios ven a simple vista.

PUBLICIDADE