Lingua de Amor celebra a súa segunda edición

mércores, 2 de abril do 2008 Raquel Noya

No marco da celebración do Día das Letras Galegas e do Día Internacional de Internet, o Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, vén de presentar en Compostela a segunda edición de Lingua de Amor, un concurso de declaracións de amor a través da Rede que ten como obxectivo principal dinamizar o emprego da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación.
O acto de presentación tivo lugar este mediodía na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela e foi conducido pola presidenta do CXG, María Dolores Rodríguez Amoroso. A el acudiron os representantes dos entes colaboradores nesta edición: a Secretaría Xeral de Política Lingüística, as consellerías de Cultura e Xuventude do Concello de Lugo, a Libraría Couceiro e Viaxes Viloria así como tamén Filipe José Da Silva Rodrigues, mozo portugués autor do cartel do concurso.
Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina web do evento e enviar unha declaración de amor en galego (máximo 350 caracteres). A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.
Nesta edición establécense, como novidade, dúas categorías de idade (de 14 a 19 anos e de 20 a 30). En canto aos premios, haberá tres por cada unha das categorías:
Categoría A:
1º Consola Nintendo wii + un lote de libros en galego
DVD portátil + un lote de libros en galego
MP3 + un lote de libros en galego
Categoría B:
1º Viaxe a París para dúas persoas + un lote de libros en galego
2º Ordenador portátil + un lote de libros en galego
3º TV LCD 19” + un lote de libros en galego
Ademais, os 200 primeiros/as participantes recibirán un agasallo por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

PUBLICIDADE