Letrasgalegas.org difunde a través da Rede o patrimonio literario galego

martes, 13 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presidiu o acto no que se deu a coñecer o novo portal de internet denominado Biblioteca das Letras Galega

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades acolleu esta mañá a presentación dunha nova páxina web que baixo o nome de Biblioteca das Letras Galegas busca converterse nun espazo de referencia para obter información sobre o patrimonio literario galego do que se ten constancia dende as primeiras manifestacións da Idade Media á actualidade.
Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüítica, presidiu o acto no que se deu a coñecer esta iniciativa desenvolvida grazas á colaboración entre a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e destacou a importancia de accións coma esta para pór en valor e «facer chegar a todos os recantos do mundo a riqueza da lingua, a literatura e a cultura de Galicia».
No acto tamén participaron o director da nova web, Anxo Tarrío Varela; o director do Concello Científico da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Darío Villanueva; o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González; e o director de Relacións Institucionais da Fundación Biblioteca Virtual de Cervantes, Luis Rodríguez.

A nova web é un espazo virtual dentro da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, e pon a disposición do público obras dixitalizadas da literatura galega de todos os tempos, de xeito que podemos acceder a información do trobador Martin Codax ou da poeta Rosalía de Castro (da que tamén se poden escoitar algúns dos seus textos en formato sonoro) e incluso se poden consultar publicacións periódicas desaparecidas (Eco de Galicia, Galicia ou Tierra Gallega) nunha hemeroteca que agradecerán especialmente os investigadores.
Letrasgalegas.org tamén permite a descarga en formato PDF de edicións facsímiles de textos medievais e de boa parte do catálogo do Centro Ramón Piñeiro, no que figuran obras como unha recompilación de estudos sobre o Cancioneiro de Ajuda, ou o Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral.

PUBLICIDADE