Lanzado un vídeo inclusivo para dar un último apoio colectivo ao Carballo de Conxo na recta final das votacións en liña

martes, 22 de febreiro do 2022 S. P.

Co prazo aberto até o último día de febreiro para votar polo Carballo de Conxo no certame Tree of the Year, son moitas as liñas de traballo activadas polo Concello de Santiago para conseguir a máxima cantidade de apoios na Rede da comunidade internauta e converter a histórica árbore local na árbore do ano. Entre outras cousas, preparouse un vídeo en linguaxe inclusiva para promover o quercus robur de Conxo na recta final das votacións. O audiovisual abéirase á campaña #VotaCarballo e foi elaborado polo alumnado do CEIP Cardeal Quiroga Palacios. Diríxese a dar un último e definitivo apoio colectivo ao Carballo de Conxo para facerse co título de árbore de Europa.
O Concello continúa tamén coas plantacións de árbores autóctonas na contorna de Santiago, nesta ocasión coa participación da empresa Viaqua que engadiu 325 carballos máis á zona do Polígono do Tambre, un acto que contou coa presenza do alcalde Xosé Sánchez Bugallo e da concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro.
Recoñecemento con repercusión medio ambiental positiva
Segundo fixo saber o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, se finalmente se consegue o devandito título para o Carballo de Conxo, será “un recoñecemento importante para unha cidade como Santiago” e “como compromiso coa sustentabilidade”, o Concello comprometeuse a plantar unha nova árbore autóctona por cada voto que reciba a candidatura do Carballo de Conxo. Co número de votos actuais, máis de 120.000 que “superan todas as expectativas”, sinalou o rexedor, prevese que 100.000 árbores autóctonas sexan plantadas de aquí a 2030, máis de 19.000 só no 2022.
Desafío #1Cole1Bosque
Ata o momento, 27 centros educativos aceptaron o reto de votar de forma colectiva polo Carballo do Banquete de Conxo. Se o centro logra o reto, o Concello plantará un novo bosque, que levará o nome do colexio. O tamaño do bosque dependerá do número de votos que sumen e haberá dous tipos: de máis de 500 árbores e de máis 1000 árbores.
No marco do reto #1Cole1Bosque, o CEIP Cardeal Quiroga Palacios tamén lanzou un vídeo para contribuír á difusión da campaña. Trátase dunha peza na que participan os alumnos e alumnas amosando os carteis sobre o Carballo que realizaron, acompañada pola canción Ti e máis eu da Banda da Loba. O vídeo emprega tamén a lingua de signos co fin de dar a coñecer dunha forma accesible esta mítica árbore e apoiala no concurso europeo.
Listado de centros educativos involucrados
- CEIP Cardeal Quiroga Palacios
- Colexio Peleteiro
- Colexio Vilas Alborada
- Colexio Vite
- Colexio Ntra. Sra. Remedios
- IES Rosalía de Castro
- CIFP Politécnico de Santiago
- Colexio A Milagrosa
- Colexio López Ferreiro
- IES Antón Fraguas
- IES Xelmírez II
- IES Fontiñas
- Colexio Roxos
- Colexio Compañía de María
- IES de Sar
- IES Xelmírez I
- Colexio Lamas de Abade
- Colexio La Salle
- Colexio Ramón Cabanillas
- Academia Tesdai
- Academia Picadilly
- Cantigas e Agarimos
- IES Agra de Raíces de Cee
- IES Féliz Muriel Rianxo
- Colexio Ventín - Ames
- IES Luis Seoane - Pontevedra
- IES Pobra do Caramiñal
- Colexio Monte dos Postes
Nova plantación de carballos con Viaqua
No marco da campaña #1Voto1Árbore, o Concello de Santiago está levando a cabo unha serie de iniciativas co obxectivo de “pór en valor e incrementar os espazos naturais cos que xa conta a capital de Galicia”. Ademais dos colexios estanse a implicar na iniciativa empresas da cidade fortemente sensibilizadas co medio natural e a RSC. Nesta ocasión, representantes da empresa Viaqua participaron na plantación de 325 novos carballos na zona do Polígono do Tambre, un acto que contou coa presenza co alcalde Xosé Sánchez Bugallo e da concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro.
Como votar
A votación estará aberta ata o 28 de febreiro. Para votar cómpre facer o seguinte:
1. Cómpre acceder á web Tree of the Year para ir á páxina do concurso.
2. Para poder votar, debemos seleccionar dúas árbores. Que unha sexa o Carballo do Banquete, e outra a que nos guste.
3. Temos que facer clic sobre ¡Vamos a votar!, onde hai que introducir correo electrónico e logo confirmar polo menos a política de protección de datos.
4. Verificar o email, pulsando sobre a ligazón que nos envían para que o voto sexa válido.
Unha árbore con historia
Este histórico carballo naceu coa Ilustración. Foi testemuña en 1856 do Banquete Democrático de Conxo, acto revolucionario que reivindicou os ideais da nova Europa: Liberdade, Igualdade e Fraternidade.
Foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. O bosque que o acolle, ao pé do Camiño Portugués de peregrinación, é hoxe todo un cofre botánico, aberto ao público en 2018 cunha gran festa popular tras ficar inaccesíbel durante máis dun século.

PUBLICIDADE