Lanzada unha ferramenta para incrementar en número e calidade as descargas de aplicacións, AppBurn

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Fernando Sarasketa

A axencia Ibrands, unha iniciativa xurdida ao abeiro de Elogia e a súa nova andaina a través da marca Viko, vén de presentar no mercado unha ferramenta especializada en ampliar o número de descargas de aplicacións móbiles. Trátase de AppBurn, e en palabras dos seus responsábeis “foi deseñada para xerar novos usuarios de apps con capacidade de achegar valor e experiencia de uso”. En definitiva, do que se trata non é tanto de facilitar o camiño que temos que percorrer os usuarios para chegar a unha ferramenta que nos sexa de utilidade, senón máis ben o camiño contrario: o que teñen que emprender as empresas para localizar aos seus usuarios potenciais, “aqueles que realmente precisen das súas aplicacións”.
AppBurn, sinalan os seus creadores, “utiliza tecnoloxía propia para a captación de usuarios para terceiros a través de solucións para dispositivos, como o uso de mobile ad networks, posicionamento en buscadores SEM ou envíos de bases de datos propias captadas ao rexistrarse en apps, o que garante que se trata de usuarios móbiles”. A maiores, AppBurn non soamente se limita a xuntar usuarios para optimizar os custos por descargas, senón que logra crear comunidade que achegue valor e incremente o ROI (Return On Investment, Retorno do Investimento) a través da canle móbil da empresa, medindo as KPIs (Key Performance Indicator) oportunas da aplicación e optimizando o servizo dado en base ás mesmas. “O valor engadido de AppBurn”, engade Ibrands, “é que dá un paso máis aló da captación e mide se o usuario é de pago, activo ou non, e en que localización se atopa para lograr descargas cualificadas de aplicacións”.

PUBLICIDADE