Lanzada unha aplicación de balde para contactar con servizos de emerxencia de 200 países

martes, 4 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

A empresa catalá A© It’’s Possible vén de desenvolver unha aplicación de emerxencias de balde especialmente creada para dar resposta inmediata a posíbeis incidencias de calquera índole. A app en cuestión, en palabras da dita compañía “a ferramenta do seu ámbito máis completa e sinxela de empregar que existe a día de hoxe no mercado”, permite chamar aos teléfonos de asistencia e de emerxencias (policías, ambulancias, bombeiros) do país ou zona xeográfica na que nos atopemos (bota man da tecnoloxía GPS para informar da nosa situación). Chámase Help Me – SOS International e pódese descargar xa para Android e tamén para iOS. A ferramenta, ademais, cobre 200 estados.
Segundo nos conta Alfredo Pérez, un dos creadores do recurso, este está pensado para axudar ás persoas en calquera situación de emerxencia, ou sexa para tentar salvar vidas. Ao seu xuízo, xa quedou clara esta finalidade durante a fase de desenvolvemento e máis aínda durante o período de experimentación previa á validación. A aplicación xa foi obxecto de interese de varias Organizacións Non Gobernamentais, que segundo conta Alfredo Pérez, “comprobaron eficazmente todo o seu potencial e funcionalidades, ademais de convertela xa nunha app imprescindíbel nos smartphones dos seus traballadores e voluntarios ao redor do mundo, que tiran uso dela como ferramenta base de auxilio para todo tipo de emerxencias”.
E engade: “O noso obxectivo é tentar conseguir que esta aplicación sexa unha das ferramentas favoritas no dispositivo móbil de todo usuario, xa que proporciona un plus de confianza na súa seguridade física dado principalmente ao seu doado manexo e sinxeleza”.
A aplicación está dispoñíbel en 35 idiomas (incluído portugués e castelán), configúrase automaticamente co idioma do noso aparello e cos números de emerxencia do país no que nos atopamos. Se non temos cobertura 3G, a aplicación pódese configurar manualmente para poder acceder aos números de emerxencia do país seleccionado.

PUBLICIDADE