Lalín contará cunha plataforma activa para a resolución de incidencias

venres, 24 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Exterior da casa do concello de Lalín

O Concello de Lalín presentou hoxe o seu proxecto de ferramenta móbil para resolver incidencias botando man da participación, a implicación e a comunicación cidadá. A aplicación, impulsada ao abeiro da estratexia Lalín Ssuma 21, foi dada a coñecer polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares, que debullou boa parte das funcionalidades que terá: xeolocalizar incidencias ou fallos nos servizos e equipamentos municipais, mellorar a súa xestión ou optimizar o seu arranxo. Ademais, tamén permitirá facer seguimento integral das incidencias e un control pormenorizado de todas as notificacións que se fagan a través da ferramenta.
Esta tamén incorporará unha canle de comunicación cos cidadáns para que estes teñan parte activa na resolución dos problemas diarios relacionados con servizos e equipamentos. A plataforma contará con administradores, persoal municipal encargado da xestión de incidencias e técnicos responsábeis do seu mantemento e arranxo. A plataforma estará dispoñíbel para todos os navegadores web, para todos os sistemas operativos e para calquera tipo de dispositivo, tanto computadores persoais como smartphones ou tabletas. Segundo engadiu o edil, coa aplicación mellorarán de maneira ostensíbel os servizos de atención á cidadanía, minimizándose os tempos de resposta e posta a punto.

PUBLICIDADE