Lady Gaga estrea a súa propia rede social

martes, 10 de xullo do 2012 Raquel Noya

Littlemonsters.com é o nome que a cantante Lady Gaga lle puxo á súa propia rede social, que vén de estrear en versión beta privada.
A ferramenta foi deseñada expresamente para que os seus fans, que de xeito cariñoso chama “pequenos monstros (de aí o seu nome) poidan estar ao tanto do que acontece o redor da artista, e de paso coñecer a outros fans cos que estar en contacto.
Lady Gaga converteuse, no pasado mes de maio, na primeira artista en conseguir 25 millóns de seguidores en Twitter, o que fai boa mostra da intensa actividade que a artista mantén na Rede cos seus “monsters”.
Agora esa actividade vaise intensificar coa estrea desta rede social de seu, que está xestionada pola star-up da que a cantante é accionista: Backplane, unha empresa especializada en solucións de social media a medida, que ten como obxectivo máis inmediato construír sitios como Littlemosters para outros famosos.
Littlemonstes.com permite subir fotos e vídeos que aparecen na páxina de inicio ao estilo Pinterest e tamén participar en discusións con outros usuarios sobre un tema concreto ou crear eventos.
Asemade, os usuarios teñen o seu propio muro (similar ao de Facebook) no que aparecen os últimos contidos publicados, e tamén dispoñen dun servizo de chat co que comunicarse en tempo real.
A maiores ten un apartado tipo axenda no que se poden ver os eventos da cantante e mesmo comprar dende a aplicación as súas entradas.

PUBLICIDADE