LaLiga estrea plataforma de vídeo en streaming

luns, 25 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A Liga de Fútbol Profesional presentou hoxe LaLigaSportsTV, un servizo de vídeo a través de streaming que ofrece competicións deportivas españolas en directo a través de múltiples dispositivos para conseguir dar unha maior visibilidade e exposición ao deporte español.
O servizo bota a andar con aplicacións para iOS e Android, estando tamén dispoñibles para televisores conectados de Samsung ou a través de Chromecast, de xeito que os contidos están dispoñibles tanto no fogar como en mobilidade, estando previsto que máis adiante sexa accesible tamén vía web.
Esta nova plataforma audiovisual reforza o compromiso de LaLiga coas federacións deportivas achegando unha nova canle a través da que dirixirse aos seus afeccionados. Contará así cun amplo abano de deportes (automobilismo, bádminton, baloncesto, balonmán, billar, boxeo, fútbol americano, fútbol sala, ximnasia, halterofilia, hóckey, piragüismo, superbikes, tenis de mesa, tríatlon, wáter-polo, ciclismo, pelota, petanca, vela, montaña e escalada, esgrima, fútbol e outros), incluíndo tamén aos eSports, coa meirande parte dos contidos de balde, coa excepción de LaLiga 1|2|3, que precisará dunha subscrición de 14,99 euros/ano ou 2,99 euros/mes.

PUBLICIDADE