La Voz estrea unha páxina web de anuncios de produtos de segunda man

venres, 30 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A Corporación Voz de Galicia está a pór en funcionamento unha nova páxina web de anuncios de produtos de segunda man chamado Súbeloo, que pretende chamar a atención polo feito de facilitar a localización de produtos que estean próximos á ubicación do comprador, facilitando así que o peche da operación de compra-venda poida realizarse cara a cara, evitar os gastos e envío e incluso fuxir dos pagamentos telemáticos, polo que podería considerarse como unha das plataformas deste tipo máis básicas que hai actualmente no mercado.
Esta nova plataforma permite que practicamente calquera poda pór á venda artigos de segunda man, podendo os usuarios moverse entre a oferta de produtos a través dun buscador ou explorando as súas categorías (Inmobiliaria, Motor, Emprego, Formación, Cousas de Casa, Electrónica, Moda, Infantil, Deporte...).
Non parece que esteamos ante un espazo que prime a seguridade (xa que facilita o anonimato, carece dun sistema de valoración de usuarios que dea confianza, insta ao contacto directo entre as partes e non achega ningún sistema de intermediación nos pagamentos que achegue protección) e incluso a plataforma denota que aínda está en construción (varias das súas seccións principais achegan erros de páxina non atopada e inclúen na súa cabeceira unha ligazón a unha aplicación móbil inexistente), polo que os que se arrisquen ao seu uso deberían ver a plataforma máis como un taboleiro de anuncios que como unha web de compra-venda.

PUBLICIDADE