LG inicia a produción de paneis OLED flexibles para smartphones

luns, 7 de outubro do 2013 Marcus Fernández

LG Display anunciou hoxe o inicio da produción en masa do primeiro panel OLED flexible para smartphones, o que a compañía considera que é un dos logros máis destacados da compañía no que vai de ano, xunto co lanzamento comercial dos primeiros televisores OLED de 55 polgadas.
Con estes novos paneis LG estrearíase nunha nova era de smartphones con pantallas flexibles, que esperan que medren en demanda durante os vindeiros meses para integrar pantallas en automóbiles, tablets ou dispositivos para levar enriba, destacando esta tecnoloxía por abrir a porta a novos produtos que durante o vindeiro ano poderán destacar por contar con deseños que os diferencien claramente do que hai no mercado ata o día de hoxe.
Os paneis OLED flexibles de LG están construídos nun substrato de plástico en vez de en vidro, o que permite que o panel poida dobrarse sen rachar, o que permitirá que poidamos ver pantallas cóncavas cun grosor de só 0,44 milímetros e que en tamaño de 6 polgadas só pesarían 7,2 gramos.
Cómpre destacar que o feito de que os paneis de LG sexan flexibles non significa que poida deformalos o usuario, senón que trátase de permitir que os fabricantes poidan comercializalos en formas que non teñan que ser necesariamente rectas, o que en si mesmo é unha innovación bastante importante.

A nova tecnoloxía de pantallas de LG permitirá a fabricación de dispositivos con pantallas curvas

PUBLICIDADE