Komunikando.net abre tenda en liña

mércores, 1 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O selo-web galego Komunikando.net, especializado en apoiar e promover a nosa música nuns tempos, os actuais, en que mesmo semella estar mal visto promover e apoiar a nosa cultura, segue a teimar en novos xeitos de acadar os seus obxectivos: recordarlles ás administracións, aos medios de comunicación e á sociedade por enteiro que temos un rico patrimonio musical que vén de séculos e que periga por múltiples motivos. Nesta liña, e na de tirar proveito da Rede para alentar a creatividade e máis a difusión, é onde se insire a súa nova iniciativa: unha tenda propia de produtos en liña.
Este establecemento dixital, como era de agardar, dirixirase a axudar a financiar e máis a espallar a música galega en galego. Máis en detalle e segundo comentan os responsables do selo, os beneficios xerados irán destinados en boa medida “para pagar os gastos da elaboraçom dos futuros programas de Non Saimos Do Lixo”.
CDs e camisolas serán os produtos estrela, sendo o método de pato elixido o da transferencia bancaria. Polo que atinxe a Non Saímos do Lixo, lembrar que se trata dun programa de humor para o devandito portal de música en galego, programa que está dirixido por Denis Mutante, Marcos Paino e Roberto Grandal. Arestora, para facernos unha idea do interese xerado na nosa comunidade en liña por este programa, Non Saímos do Lixo conta con máis de 1.500 seareiras/os na rede social Facebook.

PUBLICIDADE