Kolectia, un novo portal para que os coleccionistas amosen os seus tesouros

luns, 26 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Estes días volveuse a pór en marcha en Internet un portal especialmente indicado para todos aqueles que gustan de remexer nas tendas de obxectos de segunda man á procura de cousas descatalogadas ou que acompañaron o día a día de mellores tempos. Estamos a falar de Kolectia, o museo do coleccionismo de Internet, un portal que segue un pouco o ronsel de Todocoleccion.net pero se cadra cunha vontade máis xenérica e internacional. A web, reinaugurada este 19 de setembro, permítelles aos internautas de calquera recanto do mundo poder amosar e compartir as súas coleccións a través da Rede e sen custe algún.
Asemade, informan os responsábeis da iniciativa, achega múltiples opcións para xestionar os artigos que se poñan en liña, engadir imaxes ou ir realizando listaxes por xénero ou tema. Tamén hai ferramentas para localizar as pezas difíciles de atopar ás que xa non contabamos con atopar pola vía tradicional: lixándonos as mans en tendas de vello á procura das nosas xoias particulares en forma de vinilo, cómic, libro, selo ou postal. A web en cuestión, deseñada e posta en marcha dende Sevilla, ten espazos específicos nas redes sociais, en Facebook e máis en Twitter. Por certo que o que se está a presentar estes días é a remodelación dun portal, Kolectia, que xa leva un ano en activo achegándolles servizos aos coleccionistas de todo o mundo. A remodelación pasa por ter atendido un pouco máis á empregabilidade do portal.

PUBLICIDADE