Klaus Multiparking celebra na Coruña unhas xornadas sobre aparcadoiros intelixentes

venres, 3 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

As nosas cidades, non hai que ser un xenio para velo, están a sufrir unha serie de procesos contraditorios no que a xestión do tráfico se refire. Por unha banda, comeza a facerse o posíbel para que os coches non se metan nos centros urbanos, porén non se habilitan aparcadoiros nos arredores nin se fan alternativas para que circulen outro tipo de vehículos máis limpos (como as bicicletas). Resultado: a mesma cantidade de coches (ou máis) no centro e menos posibilidades de movérense (máis tapóns e máis contaminación). A alternativa a esta inoperancia dos gobernos locais está unha vez máis nas empresas e na innovación, informa a firma canadense Klaus Multiparking, que estará os días 8 e 9 de maio na Coruña para presentar os seus sistemas robotizados de aparcamento.
Estes sistemas diríxense a tirar proveito dos espazos dispoñíbeis dun xeito máis eficaz, e son, en palabras da firma, unha alternativa interesante ao garaxe convencional. De feito, explican, poden multiplicar até por tres a capacidade do espazo fronte a un aparcadoiro clásico. Klaus Multiparking sostén que esta nova fórmula contribuirá a acabar coa devandita problemática e reducirá a tensión que xera aos condutores a busca dunha praza. A presentación deste tipo de solucións celebrarase como dixemos os días 8 e 9 na Coruña. A primeira xornada terá feitura de xornada técnica (a partir das 19.00 horas) e a segunda xeira será un evento de portas abertas. Durante os relatorios, que terán lugar na sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais da Coruña, Arno Hoyer, director xeral da compañía, e Eduardo Sieiro, enxeñeiro industrial, analizarán a fondo como funcionan estes sistemas robotizados e as súas múltiples vantaxes en canto a prezo, espazo e confort. “Esta charla”, informan, “servirá para que enxeñeiros, construtores e arquitectos profunden das vantaxes de instalar un aparcadoiro robotizado”.

PUBLICIDADE