Kiply, Twibex35 e Xesol amosarán a súa andaina innovadora no CDTIC

xoves, 27 de outubro do 2016 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, sede do Centro Demostrador TIC

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vai desenvolver e acoller o día 3 de novembro unha interesante sesión directamente encamiñada a visualizar a traxectoria de éxito de tres novas firmas innovadoras da nosa terra. Trátase da Xornada Coñece as experiencias de Startups tecnolóxicas: de Galicia ao mercado global, que se levará a cabo nas instalacións do centro (no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago) en horario de 11.00 a 12.00 horas.
Segundo informa AMTEGA, de quen depende o CDTIC, a sesión (unha sesión tripla) servirá para que os asistentes coñezan de primeira man o percorrido de Kiply (que ofrece un software para medir a produtividade persoal), Twibex35 (coa súa ferramenta para captar o sentimento de mercado de valores e investimentos) e Xesol Innovation (con proxectos de eficiencia enerxética, motor e cidades intelixentes). “Esta xornada”, explica AMTEGA, “está destinada principalmente a potenciais demandantes das solucións tecnolóxicas presentadas”. Para asistir cómpre inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde e aínda é posíbel anotarse, xa que as prazas, polo momento (a día 27 de outubro), non están cubertas.

PUBLICIDADE