Kaz Hirai será o máximo responsable de Sony

mércores, 1 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Kaz Hirai presentando a PS Vita hai uns meses

Sony anunciou hoxe o nomeamento de Kaz Hirai coma presidente e director xeral da compañía, pasando a ocupar tal posto o vindeiro 1 de abril, mentres que a actual persoa no carto, Sir Howard Stringer, pasará ao Consello de Dirección da empresa no mes de xuño. Stringer levaba 7 anos dirixindo a empresa nun momento de cambio moi complicado, no que moitas das liñas de negocio de Sony caeron ante a alta competencia do sector; mentres que Hirai era o máximo responsable da división de lecer electrónico, polo que para moitos foi a cara visible de produtos como a PlayStation 3 e a nova PS Vita.

Hirai xunto ao primeiro comprador dunha PS Vita no Xapón

Este nomeamento pode resultar un tanto rechamante se temos en conta que a división que dirixe Kaz Hirai é a responsable de boa parte da caída de ingresos de Sony, cunha PlayStation 3 que tardou moito en resultar economicamente sustentable, unha PS Vita que ten dificultades para atopar un espazo no mercado e incluso unha incidencia tan grave como a caída da PlayStation Network, que quedou semanas fóra de servizo e puxo en perigo información persoal dos seus usuarios (danando gravemente a imaxe da compañía).
Actualmente Sony está a perder posicións no mercado fronte a fabricantes como Samsung e Apple, que conseguen dominar en televisores, móbiles, distribución de contidos... deixando á compañía nipona nunha situación moi complicada da que Stringer non foi quen de atopar unha saída, de aí que o seu relevo pode responder a unha simple necesidade de renovación para intentar prosperar.

PUBLICIDADE