Just Eat sairá a bolsa en Londres

luns, 17 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A petición de comida a domicilio realizábase tradicionalmente por teléfono, pero en 2001 a compañía Just-Eat iniciou en Dinamarca unha plataforma que facilitase a realización de pedidos a través da Internet, conseguindo chegar a máis de 38.000 restaurantes de 13 países (entre os que figura España) e converténdose no principal axente do sector en moitos mercados, o que parece servirlles de pulo para dar un importante salto cara adiante, pois confirman que vai estrearse no parqué londiniense, onde esperan acadar unha valoración de entre 700 e 900 millóns de libras e así poder conseguir uns 100 millóns de libras coa saída a bolsa.
A compañía actualmente facilita a plataforma en liña para restaurantes que aceptan pedidos a domicilio, pero no futuro poderían chegar máis aló, incorporando tamén a restaurantes que non teñen servizo de envíos, de xeito que Just Eat tamén realizaría as entregas, o que suporía unha importante expansión dun negocio que o ano pasado xa xerou uns ingresos de 96,8 millóns de libras (un 60% máis que o ano anterior).

Just Eat é a plataforma líder de comida a domicilio en España

PUBLICIDADE