Julio Sánchez Agrelo, novo decano do COETG
xoves, 27 de abril do 2017
O
Colexio
Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG, ten
nova directiva. En concreto, o proceso interno de eleccións á
xunta de goberno, vén de saldarse coa proclamación e investidura da
candidatura encabezada por Julio Sánchez Agrelo. A nova equipa
directiva tomou posesión do seu cargo na xunta de goberno celebrada
hai dous días, o 25 de abril. O decano entrante agradeceu o
compromiso adquirido polas persoas coas que compartiu candidatura
para, nas súas palabras, “traballar nesta nova etapa que agora
comeza, en prol dos intereses do colectivo de enxeñeiros de
Telecomunicación e da sociedade galega”.
Sánchez
Agrelo tamén expresou o seu o seu “especial agradecemento” aos
integrantes da equipa saínte, polo traballo desenvolvido durante 12
anos á fronte do COETG, os cales, da man de Ramón Bermúdez de
Castro como decano, “conseguiron dar visibilidade á entidade ante
as administracións, o sector TIC e a sociedade en xeral”.
Entre
os obxectivos que asumen as enxeñeiras e enxeñeiros da nova
directiva figuran os seguintes: fomentar o desenvolvemento do sector
TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) en Galicia,
aumentar a implicación do colectivo de enxeñeiros de
Telecomunicación en áreas emerxentes como a Industria 4.0 e
fomentar as relacións coa Administración e as empresas para xuntar
esforzos co conxunto do devandito sector tecnolóxico-dixital.
O
novo decano, Julio Sánchez Agrelo, é enxeñeiro de Telecomunicación
pola Universidade Politécnica de Madrid e ao longo da súa
traxectoria profesional ocupou diferentes postos de responsabilidade
en empresas de relevancia no tecido empresarial dixital, estando a
súa última etapa ligada á operadora de telecomunicacións galega,
R, na que traballou para a súa creación dende 1998 e nela dirixiu a
División de Rede, encargada da enxeñería, construción e operación
da rede de fibra óptica e de servizos móbiles.
A
nova composición da xunta de goberno está formada por 17 membros de
diferentes perfís profesionais que abranguen a profesión da
Enxeñería de Telecomunicación dende múltiples perspectivas como a
universitaria, a administración pública, a empresa, o libre
exercicio da profesión ou mesmo a literaria.
Composición da nova xunta de goberno do
COETG
Decano: Julio Sánchez Agrelo
Vicedecana:
María Edita de Lorenzo Rodríguez
Secretario: Ricardo Fernández
Fernández
Vocal 1º (Tesoureiro): Fernando José Cendán
Garrote
Vocal 2º: Antonio Santiago Torres López
Vocal 3º:
Justo Rodal Pérez
Vocal 4º: María Pilar Chapela
Villanueva
Vocal 5º: Juan Redondo López
Vocal 6º: César
Mariñas Dávila
Vocal 7º: Luis Castedo Ribas
Vocal 8º:
José Manuel Ordóñez Suárez
Vocal 9º: Pilar Villaverde
Castro
Vocal 10º: Javier Santos Fernández Fraga
Vocal
11º: Francisco Javier Laíño Colinas
Vocal 12º: Francisco
Javier Alcalá Navarro
Vocal 13º: José Miguel Gómez
Apesteguía
Vocal 14º: Sara María Rodríguez Paz