Juan Viaño aposta polo talento feminino e pola transformación dixital na USC

luns, 16 de abril do 2018 Redacción

O actual reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, presentou a semana o seu programa electoral, un roteiro de accións e obxectivos que aposta forte pola transformación dixital da institución académica. Os detalles do programa foron dados a coñecer polo propio Viaño, quen salientou tamén a importante presenza de mulleres na candidatura da súa equipa, formada na súa maior parte por mulleres (segundo fixo saber, a primeira vez que acontece isto na historia da USC).
Segundo engadiu, o programa está formado por dúas partes. Na primeira avalíase en detalle a misión e a visión da USC como “univers idade pública de calidade”, poñendo o foco na oferta docente, na investigación, na transferencia de tecnoloxías e no espallamento da universidade alén da nosa terra.
Na segunda parte, debúllanse os cambios que debe acometer a USC para “afrontar con éxito o futuro e seguir sendo unha referencia”. A equipa de Viaño, neste senso, avoga por metodoloxías diferentes na xestión dos membros da comunidade dos campus, pola aposta polo talento e por refacer a organización da USC, “unha adaptación da cultura institucional para atender de aneira axeitada ás demandas da sociedade dixital”. Segundo fixo saber, a USC “sabe adaptarse aos cambios porque o leva facendo máis de 500 anos, e agora é o intre de asumir un novo xeito de facer as cousas”.

PUBLICIDADE