José Luis Cordeiro e David Aguilar, referentes en tecnoloxía creativa, participarán na Maker Faire Galicia

mércores, 26 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O investigador venezolano José Luis Cordeiro

En novembro imos ter unha cita para ver e para crear tecnoloxías. Trátase da Maker Faire Galicia, a feira de enxeños e tecnoloxías maker de Santiago, unha das grandes citas argalleiras do panorama estatal e internacional (en palabras da organización, “a meirande feira de inventoras e inventores do mundo”). Segundo puidemos saber estes días, a cuarta edición da xuntanza contará coa presenza do transhumanista José Luis Cordeiro e David Aguilar, responsábel da prótese Lego. A Maker Faire Galicia celébrase entre os días 23 e 25 de novembro na Cidade da Cultura, cuxa Fundación patrocina o evento, amais do Concello de Santiago (a través do programa Compostela Móvese).
A cita, un lugar de encontro para todas as persoas con independencia do seu nivel de coñecementos tecnolóxicos e da natureza da súa formación, quere xuntar nunha soa fin semana “aos creadores máis innovadores da nosa Comunidade e tamén de fóra”, incluíndo este ano a presenza de expositores e relatores de referencia a nivel internacional, coma Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ao que agora se lle suma o anuncio do venezolano José Luís Cordeiro, enxeñeiro no Massachusetts Institute of Technology (MIT) e profesor da Singularity University, coñecido mundialmente polas súas ideas transhumanistas nas que sostén, entre outras cousas, “que os avances na ciencia e na tecnoloxía serán quen de deter o envellecemento e mesmo a morte nun promedio de 30 anos vista”.
Amais, o programa tamén contará coa presenza do mozo andorrano David Aguilar, en palabras da organización un referente mundial en materia de “autosuperación e creatividade”, xa que foi quen de construír un brazo protésico artellado con pezas Lego, grazas ao cal conseguiu recuperar a mobilidade da súa man.
Coñecemento de xeración a xeración
Amais do devandito, Maker Faire Galicia ten entre as súas finalidades a de favorecer a transmisión de coñecemento entre as diferentes xeracións, de aí que ofreza un amplo programa no que ademais das charlas, contará con numerosas actividades e obradoiros orientados a tódolos públicos. Dende a organización advirten que o prazo de inscrición de proxectos está a piques de rematar, polo que convidan a que todos aqueles “argalleiros” e “argalleiras” que queiran amosar as súas creacións na feira non dubiden en apuntarse. A inscrición realizase de maneira online a través da súa propia páxina web, http://galicia.makerfaire.com/.

PUBLICIDADE