José Blanco amosa nunha xuntanza con Ineo as oportunidades europeas para o noso sector TIC

luns, 14 de decembro do 2015 Redacción

A asociación Ineo, agrupación referencial galega de empresas TIC, vén de celebrar unha nova edición do seu ciclo de debates Sobremesa con..., e fíxoo en compaña do eurodeputado galego José Banco. Segundo informa Ineo, a presenza de Blanco neste novo encontro para socios é unha mostra de que se están a reforzar os contactos da asociación coas institucións europeas, e este fortalecemento dos contactos achega xa resultados de especial relevancia e visibilidade, “sendo unha ocasión perfecta para que os membros de Ineo participen activamente e tiren proveito para as súas empresas destas iniciativas”. Son palabras de Carlos Conde, presidente de Ineo, que exerceu de anfitrión no encontro xunto coa directora xeral da asociación, Lucía Gregorio.
José Blanco, en calidade de representante da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía, e membro da Asemblea parlamentaria Euro-Latinoamericana, debullou as oportunidades que se abren para o sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) no marco da Comisión Europea perante os socios de Ineo, que amosaron durante a quenda de preguntas especial interese nas cuestións relacionadas co papel que Bruxelas pode exercer como prescriptor de empresas europeas en Latinoamérica e o financiamento de determinadas actuacións a través dos fondos que achega a Unión Europea como doadora.
O político lucense, asemade, referiuse ás últimas intervencións en Bruxelas, en especial sobre o Mercado Único Dixital, aproveitando para insistir na necesidade de reducir a fenda dixital, “un aspecto crucial para evitar os riscos máis evidentes da dixitalización, a exclusión de colectivos e contornas xeográficas, un asunto de máxima importancia”, sobre todo en Galicia, indicou, onde temos problemas evidentes “de envellecemento e despoboamento”.
A maiores do devandito, Blanco afondou na idea dunha “Europa unida que elimina barreiras de comunicación entre os cidadáns”. Neste senso, lembrou o que ao seu xuízo é un dos logros máis recentes no devandito ámbito, que é o adeus ao roaming en xuño de 2017.
A presenza en Vigo do eurodeputado José Blanco respondeu ao convite cursado pola delegación de Ineo no xantar que mantiveron en Bruxelas durante a recente visita da asociación TIC ás institucións europeas, na que analizaron conxuntamente o acceso a fondos comunitarios e os servizos destinados a PEME
Lembrar que as Sobremesas de Ineo con... son un tipo de encontros aos que están convocados os seus socios e que teñen como obxectivo, “nun ambiente distendido”, facer unha reflexión conxunta ao redor da experiencia ou a área de influencia do convidado, “orientando a charla cara aos aspectos máis relacionados coa innovación e as novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE