Jony Ive deixa Apple

xoves, 27 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Jony Ive con Tim Cook tras o lanzamento do iPhone Xr en setembro de 2018

Unha das persoas máis representativas da Apple de Steve Jobs é, sen dúbida, o deseñador Jony Ive, actual xefe de deseño da compañía de Cupertino, que vén de anunciar que ao longo do presente ano deixará a empresa para fundar un estudio de deseño de seu que contará con Apple entre os seus principais clientes, de xeito que Ive poderá emprender novos proxectos persoais á vez que continuará a colaborar con Apple.
Da mente de Jony Ive saíron deseños que van dende o iMac até o iPhone, pasando polas instalacións do Apple Park, polo que podemos consideralo unha das figuras chave da imaxe que actualmente temos da marca Apple, pero tras preto de 30 anos na compañía, deixará paulatinamente as súas responsabilidades en Apple aos seus máis estreitos colaboradores, pasando a contribuír aos deseños dun xeito externo. Probablemente o cargo actual de Ive non chegue a ter un sucesor real, xa que o seu posto creouse para recoñecer a figura do deseñador como un dos principais directivos da compañía, nivel que até o momento non correspondía aos responsables do departamento de deseño.
Este anuncio non supón unha grande sorpresa, xa que as últimas presentacións de Apple careceron do case tradicional vídeo presentado por Ive, dando a entender que non estaba tan involucrado nos últimos proxectos (dende Bloomberg incluso detallan que levaba 4 anos delegando responsabilidades en preparación da súa partida), o que coincidía con comentarios sobre o seu esgotamento e o seu interese por querer facer cousas novas.

PUBLICIDADE