Jobsket achega a busca de emprego a Facebook

luns, 15 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Martín Pérez, un dos creadores de Jobsket

Facebook pode converterse no maior portal de emprego do mundo grazas á aplicación Trabaja con Nosotros, desenvolvida por Jobsket (compañía que conta entre os seus fundadores ao betanceiro Martín Pérez) e que permite ás empresas publicar ofertas de traballo nesta plataforma de redes sociais.
Esta nova aplicación está dispoñible inicialmente tanto para España coma para o resto de países de Latinoamérica. Para utilizala, as empresas deben contar cunha páxina en Facebook na que Trabaja con Nosotros instalará unha nova pestana Empleo dende onde os candidatos poderán acceder doadamente ás ofertas de traballo da empresa.
Para buscar emprego o candidato tan só debe acudir á páxina da empresa anunciante en Facebook e visitar a súa pestana de Empleo, onde atopará todas as ofertas de traballo dispoñibles e inscribirse nestas, poderá tamén enviar candidaturas espontáneas e comprobar o estado das súas candidaturas, sempre sen saír en ningún momento de Facebook e sen ter que utilizar o correo electrónico ou pasar horas enchendo formularios.
Publicar ofertas en Facebook fai posible que poidan ser promovidas dentro das redes sociais dos candidatos, de xeito que as empresas acceden dun xeito directo e rápido a unha maior audiencia.
Trabaja con Nosotros pode utilizarse de xeito totalmente gratuíto durante o primeiro mes de uso e posteriormente pódese seguir utilizando ao contratar un dos plans de prezos de Jobsket ATS, a plataforma tecnolóxica de emprego desenvolvida por Jobsket e baseada na web semántica, con prezos parten dende os 15,95 euros ao mes.

PUBLICIDADE