Jesús Encinar amosa en Vigo o amplo potencial da Rede para os negocios
venres, 1 de xullo do 2011
- Relatores e público asistente á nova edición do Congreso de AJE Galicia
A cuarta edición do Congreso Internacional AJE Galicia
que se está a celebrar en Vigo comezou facendo ruído (no bo sentido da expresión):
con 350 empresarios, directivos e profesionais de toda España e Portugal e con
relatores de primeira liña no ámbito da comunicación e os negocios dixitais, é
o caso de Emilio Duró (experto en intelixencia emocional aplicada á
produtividade) ou Jesús Encinar (responsábel de Idealista.com), que compartiron
no Centro Social de Novacaixagalicia unhas cantas claves de valor no camiño da
competitividade e o aproveitamento eficaz das novas ferramentas dixitais e
sociais. De feito, segundo apunta a organización do Congreso, o fío condutor do
evento está a ser “o optimismo para levar
adiante unha idea de negocio”.
Por este vieiro tamén se moveu Patricia García,
presidenta de AJE Galicia, que no acto de apertura das sesións convidou aos
participantes e á sociedade galega por enteiro a loitar directamente en contra
da crise, sendo unha boa maneira de facelo sacar adiante proxectos empresariais
que xeren emprego e riqueza.
Volvendo aos relatores estrela da xornada,
dicir que Jesús Encinar, responsábel da posta en marcha do portal inmobiliario www.idealista.com, tivo tempo de facer un
percorrido pola xénese e o desenvolvemento desta web, hoxe en día situada nos
primeiros postos do sector inmobiliario pero que, segundo contou, requiriu
grandes esforzos para acadar este punto. Máis en detalle do 80% do seu tempo
diario durante os primeiros dous anos de vida do proxecto. Con todo, non quixo
desanimar a ninguén. Iso si, quixo deixar claro que refuxiarse na axuda
financeira de entidades bancarias non é o mellor comezo posíbel. Ao seu xuízo,
para trunfar no eido empresarial hai que “facer
tolemias ás veces”, e facer cousas diferentes respecto a cómo as fai o
resto dos competidores. “
Hai dez
anos”, proseguiu, “era
impensábel que empresas por Internet gañaran cartos e, malia todo, hoxe en día é
onde está o meirande potencial; nos negocios o importante non é ter a ambición
de acadar algo grande, senón de facer ben o que se vaia facer”. Na súa
opinión, os novos emprendedores deben tirar proveito das vantaxes que ofrecen
as novas tecnoloxías, que non só fan doada a globalización dos negocios, sen límites
de tipo xeográfico, senón que tamén permitiron abaratar moitos dos custes
iniciais que antes facían case imposible a creación dunha empresa.
A primeira xornada do congreso, que prosegue
este venres, contou tamén coa presenza de Emilio Duró, abandeirado da teoría
que liga o optimismo coa produtividade, que tirou proveito da súa estadía en
Vigo para animar a vivir os negocios coa mesma ilusión e paixón que poñemos
noutras actividades da vida, aconsellándolles aos emprendedores que non perdan
de vista cal debe ser o seu obxectivo: facer o que lles gusta.