Javier Rocamora e a Cámara de Santiago adestrarán en vendas online aos nosos comercios

martes, 3 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A Cámara de Comercio de Santiago veu este outono cun completo programa de formación tecnolóxica para acelerar a transformación das nosas empresas e do noso día a día profesional. As actividades, un total de catro, vanse desenvolver en colaboración coa Fundación INCYDE. Unha destas actividades é o obradoiro de Iniciación ao comercio electrónico, unha formación de balde que se vai desenvolver online entre o 9 e 16 de novembro (en horario de 10.00 a 13.00 horas) e que será impartido por un dos meirandes especialistas en transformación empresarial do panorama galego e estatal: Javier Rocamora. O curso irá especialmente dirixido ao comercio de proximidade e ao sector da artesanía.
Entre outros, a iniciativa vén con seguintes obxectivos: dotar aos asistentes dunha visión estratéxica de conxunto sobre o ecommerce, formalos para que poidan autoxestionar unha tenda online básica, adestralos para que coñezan os aspectos clave dun marketplace, dar a coñecer as diferentes alternativas e plataformas de comercio electrónico e as súas características e proporcionar ferramentas para a interpretación dos datos estatísticos de visitas aos perfís sociais.
O curso tamén se dirixe a achegar asesoramento individualizado para que os asistentes poidan desenvolver correctamente os seus propios plans de redes sociais. O obradoiro terá 15 horas de duración. Toda a información sobre a actividade atópase xa na Rede en formato PDF.

PUBLICIDADE