Isabel Rodríguez reivindica as posibilidades do Bono Cultura Xove dende a tenda Game de Lugo

mércores, 6 de setembro do 2023 S. P.

A subdelegada do Gobierno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou este martes 5, en Lugo, a sede da tenda Game, especializada en videoxogos, onde fixo un balance das posibilidades que abre para a mocidade o Bono Cultura Xove do Ministerio de Cultura e Deporte, cuxo prazo de solicitude remata este 30 de setembro. A subdelegada informou de que 1.145 mozas e mozos da provincia realizaron máis de 4.105 operacións por valor de 163.507 euros a través do bono, que destina 9.259.600€ para que as novas xeracións conten cunha axuda de 400€ para gastar en actividades e bens culturais.
“Queremos lembrar que as persoas nadas no 2005 teñen dereito a solicitalo este mes, co que pretendemos que os novos adultos teñan un acceso máis fácil a un sector que da traballo a 700.00 persoas e ten un gran impacto na economía representando un 3,2% do PIB”, comentou.
Isabel Rodríguez, acompañada do concelleiro de Mocidade e Deportes, Jorge Bustos; o xerente do Centro Comercial As Termas, Esteban Patiño, e un dos encargados de Game, David Rego, comprobou de primeira man como marcha a iniciativa, na que participa en Lugo “preto do 50% da mocidade lucense” e aínda están a tempo de ser máis, xa que o prazo finaliza o 30 deste mes, tanto para solicitalo como para gastar a axuda do ano pasado, que foi dedicada aos nados no 2004.
“Esta axuda permite aos beneficiarios o consumo de contidos distribuídos en múltiples formatos para explorar unha oferta cultural rica e variada”, subliñou a subdelegada. Durante a visita, a representante do Gobierno na provincia remarcou que “dedicar recursos á cultura é unha das ferramentas máis poderosas que temos ao noso alcance para inculcar nas persoas pensamentos e miradas críticas e diversas”.
En Lugo, hai 29 establecementos entre eles librarías, salas de cinema, tendas de produtos dixitais e en liña ou locais especializados en videoxogos, películas, entre outros. As entidades que queiran adherirse aínda están a tempo, o 30 de setembro finaliza o prazo para inscribirse e pódese facer na ligazón de seu.
Tres categorías para gastar
O Bono Cultura Xove divídese en tres apartados:
- 200 euros para artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais.
- 100 euros para produtos culturais en soporte físico, como libros, revistas, prensa, ou outras publicacións periódicas.
- 100 euros para consumo dixital ou en liña na que entran subscricións e alugueiros a plataformas virtuais.

PUBLICIDADE