Investigan o potencial dos dispositivos electrónicos para nenos con problemas de audición

xoves, 17 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Sabíamos que a tecnoloxía estaba a subir chanzos a prol de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de audición, pero os camiños que está a percorrer un grupo de investigación da Universidade de Málaga semellan especialmente novos. Con axuda de sistemas semellantes aos empregados en certos niveis da virtualidade e do dixital, o devandito grupo (integrado por profesionais de diferentes eidos: Filoloxía, Psicoloxía ou Otorrinolaringoloxía), está a traballar nun proxecto para o tratamento da xordeira dende as idades máis temperás, máis polo miúdo dende antes dos dous anos, xa que son eses, os primeiros anos de vida dunha persoa, os máis importantes en materia de aprendizaxe e desenvolvemento con este tipo de diversidade funcional.
Concretamente, o proxecto consiste no implante nos órganos auditivos dos pequenos dun miúdo dispositivo electrónico que fai posible que poidan volver a ouvir e mesmo nos casos de xordeira máis fonda.
A estrutura do microaparello, no que se está a traballar dende 2007 na dita Universidade, é dupla. Inclúe, segundo informa o portal Uciencia, un módulo externo (con micrófono e procesador de sons) e outro interno (integrado por eléctrodos que se conectan á cóclea).
En palabras de Ignacio MorenoTorres, filólogo e responsable da investigación, o dito proxecto ten como finalidade potenciar a rehabilitación logopédica dos cativos, xa que podería mellorar con moito a rendibilidade do implante. Ou sexa, que este só podería ser realmente eficaz se se acompaña a súa operatividade con labores de aprendizaxe da fala e da escoita, mesturándose de novo a achega tecnolóxica coa formativa tradicional.
O proxecto, que conta na súa aplicación práctica cos Hospitais Universitario San Cecilio de Granada e co Hospital Materno-Infantil de Las Palmas, está neste intre a piques de entrar nunha fase decisiva: a do estudo pormenorizado da resposta de doce nenos que foron diagnosticados con xordeira fonda e sometidos antes dos dous anos á operación do dito implante. A idea é estender máis adiante estas iniciativas a outros hospitais do Estado español.
Na imaxe, onomatopeias desenvolvidas polo grupo para mellorar a resposta dos nenos.

PUBLICIDADE