Investigadores galegos amosan o potencial das nosas tecnoloxías perante colegas escandinavos

luns, 12 de xaneiro do 2015 Redacción

Buscar vieiros e canles para a promoción e o afianzamento da nosa tecnoloxía nos países do norte e o centro de Europea foi o gran obxectivo do I Seminario de Innovación posto en marcha ao abeiro do proxecto Táctica. No encontro, desenvolvido os días pasados en CITEXVI, investigadoras/es da Universidade de Vigo puideron operar en clave de networking con representantes de todo tipo de centros europeos de innovación. Durante as xeiras de traballo, amosouse o potencial dun amplo abano de tecnoloxías: aplicacións móbiles de eSaúde; apps para persoas con diversidades funcionais que facilitan a comunicación médico paciente ou interfaces que fan máis doado o manexo de ordenadores e tabletas mediante o seguimento da retina para pacientes en UCI ou semellantes.
Estes foron algúns dos achados expostos a pasada semana I Seminario de Innovación posto en marcha ao abeiro do proxecto Táctica. Co obxectivo de determinar os posíbeis modelos de transferencia mixta que coexisten entre Galicia, Finlandia, Estonia, Luxemburgo e Portugal, a xuntanza supuxo, en termos da Universidade de Vigo, “un chanzo máis de cara á montaxe de proxectos de networking (COST, H2020, etc.) e á dar a coñecer a cada un dos membros asistentes os equipos da Universidade de Vigo que traballan en temáticas afíns e que se centran, sobre todo, en cuestións relativas á administración electrónica nos contextos de saúde, eficiencia enerxética e medio ambiente”.
O seminario contou coa participación de numerosos expertos de universidades e empresas finlandesas , estonianas e luxemburguesas; a adxunta do reitor, Regina Carreira, así como de numerosos investigadores do centro AtlantTIC, no que se agrupan boa parte dos investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e do denominado Observatorio para a Gobernanza, grupo de investigación G3 do campus de Pontevedra.
O proxecto Táctica, formulado polo centro de investigación AtlantTIC da Universidade, está orientado a favorecer e redundar nos beneficios que o coñecemento xerado nas universidades pode concretar en termos de negocios empresariais na nosa Comunidade. Os seus responsábeis prevén destinar en 2015 uns 500.000 euros a impulsar esta canle de comunicación coas empresas. “Para isto”, sinala a UVigo, “usaranse fórmulas como as UTE, Unións Temporais de Empresas nas que participen centros tecnolóxicos e empresas galegas con outras entidades internacionais especializadas no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas de elevado valor engadido e impacto tractor, o que redundaría nunha maior competitividade do noso territorio”. Asemade, os días pasados valorouse a posibilidade de adoptar fórmulas de transferencia innovadoras, como son os contratos de servizos de I+D, de colaboración pública – privada ou inclusive a intermediación e a explotación comercial a través de EBT galegas altamente tecnolóxicas en cotitularidade con multinacionais.

PUBLICIDADE