Investigadores do CITIC impulsarán a formación en lingüística computacional en universidades asiáticas

martes, 19 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) están a participar nunha relevante iniciativa que os pon na punta de lanza da investigación e a formación en lingüística computacional, que é o eido de traballo que incorpora nos computadores as capacidades no manexo da linguaxe natural, poñendo o foco no tratamento informatizado das linguas. Estamos a falar do proxecto Erasmus Class, no que participan unha ducia de universidades europeas asiáticas. O o seu obxectivo é “axudar a universidades de Kazhakhstán e Uzbekistán a desenvolver os seus propios másteres interdisciplinares en lingüística computacional”.
O investigador da área de Ciencia de Datos e Información do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Carlos Gómez Rodríguez, será quen coordine o dito proxecto na UDC. O labor de Erasmus Class (Development of the interdisciplinary master program on Computational Linguistics at Central Asian universities) nos ditos países centroasiáticos consistirá na formación do profesorado. Así, a UDC encárgase da elaboración do currículo do máster e da formación especializada en Lingüística, Lingüística Computacional, Ensinanza Semipresencial e Avaliación da Calidade, que será impartida por investigadores do CITIC.
Este martes celebrouse a xornada de inauguración dunha acción do proxecto na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, coa presencia do coordinador por parte da UDC, Carlos Gómez Rodríguez, o coordinador principal do proxecto, Enrique López Veloso, da Universidade de Santiago de Compostela, e diferentes membros do comité.
Durante as vindeiras semanas, até o 2 de xullo, desenvolveranse na universidade coruñesa diferentes xornadas de formación para o alumnado.
As universidades europeas que participan en Erasmus Class son, ademais da UDC e a USC, que lidera a iniciativa, a Universidade de West Attica (Grecia), a Universidade de Porto (Portugal) e a Adam Mickiewicz University de Poznań (Polonia). Pola súa banda, participan catro universidades de Uzbekistán (Urgench State University, Samarkand State Institute of Foreign Languages, Tashkent State University of the Uzbek language and literature e The National University of Uzbekistan) e tres de Kazhakhstán (A. Baitursynov Kostanay State University, L.N. Gumilyov Eurasian National University e Al-Farabi Kazakh National University).

PUBLICIDADE