Investigadores do CITIC e titulados da FIC acadan o terceiro posto na final da V National CyberLeague

martes, 21 de novembro do 2023 S. P.

Os membros do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) Rubén Pérez e Martiño Rivera, integrantes do equipo de competicións de ciberseguridade th3_n00bs, lograron o terceiro posto na final da V National CyberLeague celebrada entre os días 14 e 16 de novembro. O equipo está formado, ademais, por Pedro Fernández-Arruti, Olalla Rama e Manuel Orois.
Todos os integrantes son alumnos xa titulados da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Este grupo superou a máis de mil estudantes e titulados de educación superior de toda España que participaron nesta edición.
A competición, organizada pola Garda Civil, contaba coas categorías pre-amateur, amateur e profesional, e consistiu na resolución dunha serie de retos de ciberseguridade propostos por expertos na materia de toda España.
Despois de superar a fase clasificatoria e a semifinal de forma online, un total de 16 equipos enfrontáronse aos diferentes retos da final, celebrada de forma presencial na Escola de Oficiais da Garda Civil, en Aranjuez, Madrid.
Na actualidade, Rubén Pérez e Martiño Rivera están cursando estudos de doutoramento no grupo Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos – Imaxe Médica e Diagnóstico Radiolóxico (RNASA-IMEDIR), asociados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Dentro do ámbito da ciberseguridade, as súas liñas de investigación céntranse na análise de tráfico de rede con Intelixencia Artificial e a autenticación avanzada, respectivamente. Os seus traballos están dirixidos polos investigadores Alejandro Pazos e Jose Vázquez Naya. Por outra banda, Olalla Rama, Manuel Orois e Pedro Fernández-Arruti están desenvolvendo a súa carreira profesional no mundo laboral, especializados en diferentes ámbitos da ciberseguridade.

PUBLICIDADE