Investigadores do CITIC da UDC participan na publicación do mapa máis completo da Vía Láctea

martes, 14 de xuño do 2022 S. P.

Este luns 13 de xuño celebrouse a presentación da terceira publicación de datos de Gaia, misión espacial da Axencia Espacial Europea (ESA) cuxo obxectivo principal é medir cunha precisión sen precedentes a posición, os movementos e as propiedades das estrelas da Vía Láctea, creando un mapa multidimensional de case dous mil millóns de estrelas. A astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte lideran ao equipo de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña que participan nesta misión espacial.
Segundo explican fontes do centro coruñés, “a información publicada contén coñecemento novo e mellorado de case dous millóns de obxectos da Vía Láctea e revoluciona a nosa comprensión da Galaxia”. En concreto, o catálogo inclúe novos datos e máis precisos có anterior arquivo DR2, como temperaturas estelares, radios, composicións químicas, masas, idades e a velocidade á que as estrelas se achegan ou afastan de nós. Gran parte desta información foi revelada pola espectroscopia (técnica na que se divide a luz das estrelas), recentemente publicada, e que é o produto estrela da DR3.
O arquivo DR3 recolle subconxuntos especiais de estrelas, coma aquelas que cambian de brillo co tempo, ou estrelas variábeis. Outra novidade neste conxunto de datos é o catálogo máis grande ata a data de estrelas binarias da Vía Láctea, miles de obxectos do Sistema Solar, entre eles asteroides e lúas de planetas, así coma millóns de galaxias e quásares situados fóra da Vía Láctea.
O equipo investigador do CITIC traballou nas unidades de coordinación 8 e 9 de Gaia. O obxectivo principal da unidade de coordinación 9 foi a creación de técnicas e ferramentas para a verificación da calidade dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión. Á súa vez, a unidade de coordinación 8 centrouse en deseñar e desenvolver técnicas automatizadas, baseadas na Intelixencia Artificial e na Estatística Inferencial, que permitan a clasificación de todas as fontes que observa o satélite (non só estrelas da Vía Láctea, senón tamén obxectos extragalácticos) e da obtención das súas principais características e propiedades físicas, coma a temperatura e a gravidade das estrelas. Desde o CITIC desenvolveuse unha ferramenta, GUASOM (Gaia Utility for the Analysis of Self-Organizing Maps in DR3), para a visualización en Big Data Astronomy de clustering non supervisado de outliers, que se pode consultar de forma libre na web do CITIC.
Xunto co novo conxunto de datos, publicarase unha cincuentena de artigos científicos, dos que nove céntranse especificamente en demostrar o gran potencial dos novos datos de Gaia.

PUBLICIDADE