Investigadores de Europa, América e Asia amosan na UVigo os últimos avances en seguridade multimedia

martes, 21 de xuño do 2016 Redacción

Estes días, concretamente até mañá, estase a celebrar en Vigo o que con toda probabilidade sexa un dos eventos máis importantes a nivel internacional sobre a cuestión da seguridade multimedia e das cousas que se poden achegar para facela máis efectiva, eficaz e universal. Falamos da cuarta edición do congreso ACM Information Hiding and Multimedia Security, segundo a Universidade de Vigo (organizadora da xuntanza) a cita máis referencial do mundo en materia de protección de datos ao abeiro das contornas multimedia. Nela estase a dar cita, co obxecto de amosar os últimos avances neste eido, medio cento de investigadores de Europa, América e Asia. Máis polo miúdo, comparten información e recursos sobre identificación multimedia, biometría, videovixilancia, forensía multimedia, seguridade de redes, marcas de auga, privacidade, comunicacións resistentes a interceptación e canles de comunicación protexidas ou ocultas. No simposio están a participar, pola nosa terra, o Centro Tecnolóxico Gradiant e AtlantTIC.
A organización deste simposio internacional corresponde ao Grupo de Procesado de Sinal e Comunicacións (GPSC), dirixido polo IEEE Fellow Fernando Pérez González. Segundo lembra a UVigo, o GPSC xa conta con experiencia na organización deste tipo de evento, e xa que en 2012 coordinou o IEEE Workshop on Information Forensics and Security, unha das dúas conferencias de referencia (xunto coa que constitúe o fío temático desta nova) nas devanditas cuestións TIC.
Segundo engade a organización do simposio, nos días previos recibíronse 61 traballos de investigadores e investigadoras dos cinco continentes, e, finalmente seleccionáronse 21 artigos para seren presentados durante as sesións técnicas. En total, mais de 50 investigadores de España, Francia, Alemaña, Austria, Italia, Reino Unido, Estados Unidos, Canadá, China, Corea do Sur ou Xapón tomarán parte neste evento, no que contarán con representación as universidades de Oxford, Lille, New Jersey, Innsbruck, Trento, Macao, Tsukuba, Ottawa e Salzburgo, entre outras, xunto con centros de investigación (CNRS, Inria, Fraunhoffer, AtlantTIC e o Centro Tecnolóxico Gradiant) e empresas do sector (Atos, Amped Software ou Morpho).
Durante o congreso, dous prestixiosos expertos internacionais achegarán aos asistentes tanto un punto de vista académico como unha visión dende o mundo empresarial. Por unha banda, Battista Biggio, investigador da Universidad de Cagliary e co-fundador da empresa Pluribus One, experto en aprendizaxe de máquinas e seguridade computacional, que presentará un relatorio titulado Machine Learning under Attack: Vulnerability Exploitation and Security Measures. Por súa banda, Martino Jerian, CEO e fundador de Amped Software, experto en forensía multimedia, exporá os seus coñecementos nunha sesión titulada Bringing Multimedia Security from the Research Lab to the Forensic Lab.

O investigador galego Fernando Pérez, director do grupo GPSC, nunha das intervencións do simposio internacional

Co obxectivo de recompensar o labor de investigación dos novos investigadores, con maior potencial e proxección na área de Information Hiding and Multimedia Security, IH&MMSec 2016 entregará dous premios aos mellores traballos de investigación de estudantes. Os galardóns, que se coñecerán este martes, constan dun diploma acreditativo e 500 euros en metálico. Ademais, este ano “terá lugar por primeira vez unha sesión de ‘traballo en curso’, que se presentan artigos aínda non publicados”, explica o investigador Pérez González, que considera esta iniciativa “moi positiva” porque favorecerá a creación de alianzas e a posibilidade de recibir realimentación dos participantes sobre investigacións que aínda non viron a luz.

PUBLICIDADE