Investigadores da UVigo e a USC desenvolven unha app que permite avaliar a motricidade da rapazada

mércores, 23 de marzo do 2022 S. P.

O Campus de Pontevedra compartiu detalles unha aplicación desenvolvida por investigadores da UVigo e a USC que permite avaliar a motricidade das nenas e nenos e detectar posíbeis problemas de desenvolvemento e mobilidade. Trátase de Alfamov e ten capacidade para saber se as crianzas de Primaria desenvolven correctamente as chamadas habilidades motrices básicas, como correr, saltar, agarrar ou lanzar, así como detectar en que aspectos concretos ou seu grao de desenvolvemento se sitúa por debaixo do acorde á súa idade.
Segundo informa o Campus, a ferramenta é “o resultado final dun proxecto de investigación seleccionado na convocatoria Retos, do Ministerio de Ciencia e Innovación, que pon o foco na alfabetización motriz dos nenos e nenas. “Un desenvolvemento non adecuado destas habilidades motrices relaciónase xeralmente con baixos niveis de actividade física e altos niveis de obesidade e sobrepeso”, salienta o investigador do grupo Remoss Ezequiel Rey, responsábel, xunto co profesor da USC Cristian Abelairas, do proxecto que deu lugar a esta aplicación.
De balde e dispoñíbel para iOS e Android
A través desta ferramenta, gratuíta e dispoñíbel para os sistemas operativos iOS e Android, búscase que tanto o profesorado de Educación Física como outra serie de profesionais relacionados coa nenez poidan avaliar “dunha forma fiable e áxil” o correcto desenvolvemento desas habilidades, así como “coñecer cales son os problemas concretos” que neste eido pode presentar un neno ou nena, explica Rey.
Contribuír, a través desta app, ao axeitado desenvolvemento da rapazada constituía o obxectivo central do proxecto Alfabetización motriz y estilos de vida saludables. Desarrollo de una herramienta informática de la competencia motriz en niños y niñas en educación primaria, no que, xunto a Rey e Abelairas, participaron os integrantes do grupo Remoss Roberto Barcala e Cristina Varela e os investigadores e investigadoras da USC Carmen Neiro e Aida Carballo, do grupo Clinirsud, e José Eugenio Fernández, do grupo Esculca.
Coa idea de que poida empregarse “dun xeito moi áxil nun contexto escolar”, sen necesidade de instrumentos específicos para realizar as medicións, Alfamov baséase na gravación en vídeo da realización dunha serie de tarefas dirixidas a constatar o grao de madurez destas habilidades. Estes vídeos, explica Rey, “quedan almacenados na nube para que o profesor poida consultalos cando queira para puntuar ou para comparar”, así como para revisalos posteriormente e analizar como está a evolucionar o alumnado. A partires do rexistro das tarefas propostas, no intre da súa avaliación a app presenta unha serie de “criterios fáciles de observar” e aos que temo que ir respondendo afirmativa ou negativamente para obter “unha avaliación, tanto global como específica da mobilidade”, sinala Rey.
Malia que se trata dunha ferramenta dirixida a docentes de Educación Física, Alfamov foi deseñada coa idea de que “poida chegar ao maior número de persoas”, podendo resultar de utilidade, como sinala Rey, para adestradores e técnicos deportivos, persoal de atención primaria e profesionais do eido sociosanitario que traballan coa infancia, ou mesmo para que “pais e nais poidan utilizala cun pequeno titorial que estamos desenvolvendo”. Con esa idea, a aplicación vese acompañada dunha web con información do proxecto e de diferentes materiais divulgativos sobre o seu funcionamento, á vez que o equipo investigador traballa tamén na súa difusión en congresos e publicacións científicas de pediatría.

PUBLICIDADE