Investigadores da USC traballan nun proxecto que implanta as tecnoloxías avanzadas na formación en saúde
martes, 5 de decembro do 2023
- Raquel Rodriguez, esquerda, Manuel Gandoy e David Facal
Empregar dispositivos como lentes intelixentes
para a formación de profesionais da saúde é un dos elementos máis
destacados dun proxecto de innovación interdisciplinario no que
participa a USC: unha iniciativa coa que se pretende deseñar, poñer
a proba e expandir o uso das novas tecnoloxías para reforzar as
competencias asistenciais de profesionais, estudantes e profesorado
do ámbito da saúde. “Con dispositivos coma as lentes
intelixentes”, explican os impulsores do proxecto, “unha persoa
profesional da Enfermaría podería gravar un procedemento de forma
que se poida amosar o vídeo nunha aula e debater sobre cal sería o
paso seguinte ou analizar se se fixo correctamente”.
O
equipo da USC está composto por Manuel Gandoy Crego e Raquel
Rodríguez González como investigadores principais, xunto a
David Facal Mayo, Marcos Pazos Couselo e Alba Elena Martínez Santos,
das facultades de Enfermaría e de Psicoloxía.
Manuel Gandoy explica que o uso de lentes
intelixentes “permitiría aprender o procedemento nun contorno
controlado e seguro” e a idea é que participen nas probas do
sistema arredor de cen persoas na Facultade de Enfermaría
compostelá, que colabora no proxecto co Complexo Hospitalario
Universitario de Santiago (CHUS). Serían “estudantes dos últimos
cursos do grao e dos mestrados de Enfermaría e Xerontoloxía” e o
uso dos dispositivos comezaría en 2024.
A investigación, denominada Video-modelling
approach applied to the initial and continuous profesional
development of surgeries teams (ClinicalModelling)
iniciouse o pasado mes de outubro financiada a través do programa
Erasmus+ e conta cunha duración de dous anos. Ademais de empregar
lentes intelixentes (smartglasses) para capturar e analizar
imaxes de vídeo nos procesos de ensinanza-aprendizaxe no ámbito da
saúde, vanse deseñar e probar novos materiais didácticos no
contexto sanitario, para a formación en Enfermaría e cursos de
especialización.
O consorcio ClinicalModelling reúne socios de
catro países, incluíndo INOVA+, Escola Superior de Saúde Santa
Maria e Fundação Santa Maria en Portugal, Hospital Xeral Novo Mesto
e Universidade de Liubliana en Eslovenia, Universidade Jagiellonian
en Polonia, e a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo
Galego de Saúde en España.
Calcúlase que nos catro países participantes
tomarán parte nas distintas accións do proxecto arredor de
oitocentas persoas. A USC terá un papel relevante para sentar as
bases deste enfoque docente innovador no contexto da formación en
Enfermaría a niveis tanto de pregrao como de profesionais, ademais
de analizar a seguridade da metodoloxía dende o punto de vista
ético. Co seu enfoque interdisciplinario, traballarase no
desenvolvemento de casos, a avaliación de probas, e a promoción da
innovación no sector da saúde.