Investigadores da USC baten o récord mundial de transmisión de datos por fibra óptica multicore

xoves, 7 de febreiro do 2013 Redacción

De esquerda a dereita, os investigadores Moreno, Prieto, Montero e Liñares

Foi no mes de outubro do pasado ano cando se daban a coñecer os resultados do congreso internacional 2012 Frontiers in Optics/Laser Science XXVIII de Nova York como postdealine paper (traballos de alto impacto científico-tecnolóxico), do que resultaban premiados os investigadores da USC: Carlos Montero, Xesús Prieto, Vicente Moreno e Jesús Liñares. Máis polo miúdo, o Grupo de Óptica Integrada, Fibras Ópticas e Metroloxía Óptica do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela colaboraba con NEC Laboratories America Inc., Corning Inc. e a Universidade de Princeton no desenvolvemento dun experimento que acadaba unha velocidade de transmisión de 1.05Pbit/s, baténdose así un récord mundial de transmisión de datos por fibra óptica multicore.
Asemade, outro traballo da mesma coautoría que o galardoado é un sobre multiplexación modal espacial realizado por un grupo internacional de Universidades (USC, Hong Kong Polytechnic University, University of South Wales e University of Central Florida) e centros de investigación (NEC Labs America e Corning Inc.) e cuxos resultados publicáronse na revista internacional Optics Express (vol.20, pp2668, 2012). Este estudo foi considerado pola revista Laser Focus World (vol.48, Issue 12) como unha das vinte mellores innovacións fotónicas do ano 2012 polo seu futuro impacto nas comunicacións ópticas.
Subliñar que en todos estes proxectos os investigadores da USC desenvolveron varios elementos ópticos clave dos prototipos de multiplexación espacial e amplificación modal, dous subsistemas estratéxicos no sistema optoelectrónico completo que implementou o experimento de transmisión a 1.05Pbit/s.

PUBLICIDADE