Investigadores da UPV sinalan a escasa incidencia das TIC na mellora real da educación

luns, 14 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Como facer que as novas tecnoloxías da información se integren na aprendizaxe coma un elemento máis, enriquecéndoa e achegando o mellor de si mesmas? Preguntas coma esta coa que encabezamos hai moitas, pero coas respostas é outro conto. A Sociedade da Información ten esta característica: está chegando, pero aínda non chegou de todo. Isto que acontece na nosa vida diaria ocorre tamén no eido educativo, e achegar o meirande número de respostas é o obxectivo do grupo de investigación da Universidade do País Vasco (UPV-EHU) que segundo nos conta a Plataforma SINC está a substituír a actual gramática da escolarización por outra nova que tire proveito de todo o potencial das novas tecnoloxías.
Os seus traballos baséanse na constatación dunha realidade: a soa presenza dos computadores nunha clase non varía en case nada o xeito de recibir e dar as clases. Asemade, sinalan, ao longo dos dous últimos anos non se teñen constatado as melloras na aprendizaxe que se prometían coa entrada en xogo das TIC.
E isto, sinala o grupo, malia o amplo potencial das novas ferramentas á hora de espallar o coñecemento alén das limitacións físicas do tempo, o espazo e a xente á que temos acceso dentro dos muros dunha clase.
A raizame do problema está, como se pode supoñer, en que a novidade inserida é so unha novidade de forma e non de fondo. En certa maneira, é como incluír un novo tipo de material escolar para que todo fique máis ou menos da mesma maneira. A xuízo do equipo de investigador, a escola tradicional ten uns esquemas tan ríxidos que adoptan as TIC no seu contorno como unha parte da “gramática” (entendida como conxunto de normas e métodos) que lles é propia dende hai moitos anos, se cadra de máis. Así, as novas tecnoloxías son empregadas para memorizar e repetir datos, en troques de servir para crear e investigar. Entre os obxectivos do seu estudo cóntase a elaboración dun alicerce teórico que axude a mellorar a ensinanza e promover novas canles de estudo que deixen marxe para seguir comprendendo a relación educación-tecnoloxía.
Para estes investigadores, unha boa parte da solución do problema estaría en sermos máis críticos cos esquemas do sistema educativo: “O primeiro paso cara ao cambio é identificar e combater o modo ordinario de proceder dentro do sistema escolar ou desvelar as regras internalizados para poder levalos ao nivel da conciencia”.

PUBLICIDADE