Investigadoras da UVigo impulsan un pioneiro estudo sobre as redes sociais contra o acoso sexual

luns, 25 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A campaña dixital contra o acoso e a violencia machista do Concello de Pontevedra posta en marcha en 2016 deu como resultado preto de 4.000 publicacións en Twitter e Facebook. Este material xerado pola campaña (a iniciativa #PrimAcoso, que convidaba ás mulleres a denunciar a través das redes sociais a primeira experiencia de acoso e violencia sexual que sufriran) está a ser analizado arestora por investigadoras da UVigo, máis en detalle polo grupo Saúde, Sexualidade e Xénero, que coordina a profesora María Lameiras. Tanto os traballos de análise como o propio material do que se parte son pioneiros respecto do uso das redes como plataformas nas que identificar e visualizar este tipo de condutas.
Entre as conclusións que lanzan as investigadoras (María Lameiras, María Victoria Carrera e Yolanda Rodríguez) atópase unha conclusión arrepiante: o sexual infantil amósase como a situación maioritaria en canto á primeira experiencia de violencia sexual vivida.
Estes e outros datos presentaranse no marco dos actos do 25N (Día Internacional contra a Violencia Machista), segundo anunciaron este luns en rolda de prensa a concelleira de Igualdade Carme Fouces, e a coordinadora do proxecto.
Facendo un pouco de memoria, na rolda lembraron que a campaña desenvolveuse ao longo de tres semanas de novembro de 2016, co obxectivo de empregar as redes sociais para facer denuncia e poñendo o foco “na base da pirámide a partir da que se edifica toda a violencia contra as mulleres”. A proposta, sinalouse hoxe, permitiu reunir unha información coa que era preciso facer “un estudo profundo e serio” que permitise a extracción dunha serie de conclusión “fundamentais para despois poder tomar decisións políticas”, explicou Fouces. A base do estudo, a materia primeira, son os datos xerados nas redes sociais, máis polo miúdo as preto de 3.000 publicacións recollidas en Twitter e outras 1.000 procedentes de Facebook, que permiten, entre outras cousas, analizar as “ideas, expresións e experiencias” relatadas polas vítimas.
A ferramenta que se está a empregar é o programa informático de análise cualitativa Atlas.ti. A través dela, as investigadoras triangulan toda a documentación colleitada nas redes sociais co propósito de que permitan unha agrupación de información, “para despois traballar desde os coñecementos que temos desta problemática”.
O estudo atópase arestora na fase de interpretación, discusión e redacción das conclusións. Porén, xa lles permitiu determinar unha serie de categorías coas que poder analizar estes datos, sendo as “categorías primarias” as que definen “os distintos tipos de abuso”. Como dixemos, o abuso sexual infantil, amósase como maioritario entre as persoas que responderon ao devandito cancelo dixital, segundo explicou Lameiras, que sinalou que “o máis frecuente é que esa primeira experiencia se produza na nenez”.
A partires do tipo de acoso, establécense tamén outro tipo de categorías que abordan desde a idade na que tivo lugar esta experiencia, ao momento do día no que se produciu, se tivo lugar nun espazo público ou privado, a duración dos abusos ou a identificación do agresor, se está é unha persoa coñecida ou descoñecida.

PUBLICIDADE