Investigadoras da USC, UVigo e Carlos III crean un proxecto para previr o ciberacoso

martes, 1 de febreiro do 2022 S. P.

Onte presentábase unha iniciativa inserida no proxecto O acoso sexual a través dos comentarios sobre o corpo nas relacións interpersoais (IgualaMÁS, financiado pola convocatoria Retos de 2019 do Ministerio de Ciencia e Innovación e levado a cabo por investigadoras da USC, UVigo e Carlos III de Madrid: Patricia Alonso (USC), Yolanda Rodríguez e Rosana Martínez (UVigo), e Alba Adá Lameiras (UC3M) dentro do programa co-educativo da prevención do ciberacoso sexual.
O eixo sobre o que xira esta proposta é a prevención dende o ámbito educativo do acoso sexual exercido cara a cara ou en liña na etapa adolescente. O acoso sexual, segundo as autoras da publicación, “afecta ao benestar de gran parte da sociedade, especialmente das mulleres e doutros colectivos que transgriden as normas de xénero, evolucionando nos últimos anos sobre todo cara a un espazo en liña ocupado, en gran parte, polo colectivo adolescente”. As investigadoras din que con este proxecto queren “previr todo tipo de acoso sexual (en liña e offline) e abranguer todas as manifestacións do acoso sexual: as perpetradas por parte do grupo de iguais, nas primeiras relacións afectivo-sexuais e por parte de persoas descoñecidas, tanto no espazo público como no espazo privado”.
O dito programa está encamiñado ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (1º a 4º curso, de 12 a 16 anos) e ao persoal docente deste colectivo pois lamentablemente non se dispón case de material deste tipo.

As investigadoras Patricia Alonso (USC), Yolanda Rodríguez e Rosana Martínez (UVigo), e Alba Adá Lameiras (UC3M) presentaron a iniciativa

Indo ao programa en cuestión, os contidos dividiranse en dous bloques: o primeiro adicado ao acoso sexual na dimensión offline e o segundo ao acoso sexual na dimensión en liña. No primeiro apartado haberá tres áreas temáticas: acoso sexual entre iguais no eido educativo; acoso sexual no ámbito público e acoso sexual na parella. Dentro do segundo bloque inclúense tres áreas temáticas: do sexting á sextorsion e ao grooming; ciberacoso sexual entre iguais e do ciberacoso sexual na parella á vinganza porno. Cada unha destas áreas inclúe cinco actividades para traballar ao longo dos catro anos da ESO ou de xeito independente. Co obxectivo de conectar cos adolescentes, atopamos actividades nas que se traballa con cancións populares entre este público, con exemplos de stories de redes sociais ou con materiais de TikTok. “Trátase de fomentar que as e os adolescentes se relacionen de maneira axeitada e saudable e que eviten pórse en situacións de vulnerabilidade”, indican as investigadoras.
Engadir que o libro en papel, editado por Aranzadi, achega tamén unha versión electrónica, para facilitar o uso e impresión das fichas e materiais por parte dos centros educativos interesados.

PUBLICIDADE