Inves comeza a vender o seu ultraportátil para cativos

luns, 25 de agosto do 2008 Marcus Fernández

As tendas de informática están a preparar xa as súas ofertas para a Operación Volta ao Cole, e dende El Corte Inglés aproveitan a ocasión para estrear o Inves Junior, que non é máis que un dos novos Classmate PC de Intel, ou sexa, un ultraportátil de baixo custo pensado para os cativos, que nesta nova versión entrega unhas prestacións comparables ás doutros equipos semellantes (procesador Intel Atom, Wi-Fi, sistema operativo Windows XP…) co engadido de que é moi robusto, o que o fai apto para o uso de cativos.
O Inves Junior vén con 512 Mb de RAM, disco duro de 30 Gb, pantalla de 8,9 polgadas, 2 portos USB, lector de tarxetas SD, webcam e batería de 4 celas. O seu peso é de só 1,2 quilos e o seu prezo é un tanto elevado, pois se vende a 379 euros, cando cunhas prestacións semellantes se poderían atopar equipos por 299 euros, aínda que sen contar coa vantaxe de estar feitos para resistir o uso por parte de rapaces pequenos, de aí que este factor debería ser o que fixese inclinar a un usuario pola compra ou non deste ultraportátil.

PUBLICIDADE