Introducen os Classmate PC no Brasil

xoves, 7 de decembro do 2006 Marcus Fernández

John Davies e Luís Aquino presentan o Classmate PC no Brasil

Hai poucos días da chegada do proxecto OLPC ó Brasil, que pretende dotar ós nenos cun ordenador portátil para axudar na súa educación, pero agora este proxecto promovido por Nicholas Negroponte conta tamén cun competidor no país suramericano: Intel.
Así, o fabricante norteamericano doará entre 700 e 800 ordenadores Classmate PC, que pese a ter un prezo bastante superior ó dos XO do proxecto OLPC (falamos duns 300 dólares fronte a 140), son moito máis semellantes ós ordenadores portátiles actuais, coa diferenza substancial do seu tamaño (que é máis pequeno para afacerse ó tamaño das mans dos cativos).

Paul Otellini amosando o Classmate PC

Estes primeiros equipos en chegar ó Brasil empregaranse nunha experiencia piloto para ver cómo funcionan en casos prácticos, pero a presenza de dúas plataformas de ordenadores portátiles para cativos podería ser moi beneficiosa, posto que se podería producir unha certa competencia entre as dúas plataformas, que impulsaría unha baixada de prezos ou unha mellora de prestacións. De feito, inicialmente se falaba de que os Classmate PC custarían 400 dólares, pero agora xa falan dun prezo que estaría entre os 220 e os 300 dólares, o que lle poría moi difícil as cousas ó XO (que ten unhas prestacións inferiores).
Os novos equipos e Intel empregaranse na vila de Campinas (preto de São Paulo) e este tipo de iniciativas contan co apoio do Goberno brasileiro, que busca reducir a fenda dixital, e o propio Lula da Silva considera que os portátiles para os cativos poderían provocar unha mellora na educación que afectaría a tal problemática dende a súa raíz, aínda que nun primeiro termo son máis partidarios do proxecto de Negroponte, por estar baseado en Linux (polo que aforrarían as licenzas de software de Microsoft).

PUBLICIDADE