Interven: coidadora en liña para a terceira idade

martes, 6 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Estes días a empresa Intel está a facer un percorrido por diversas cidades galegas (comezou polas máis importantes) co fin de dar a coñecer a plataforma Interven, unha ferramenta informática encamiñada a facer que a vida dos maiores que viven nos seus fogares sexa o máis doada e tranquila posible. E todo iso a través do emprego da Rede. A última (que non a derradeira) das escalas de Intel en Galiza foi en Santiago (martes 6), onde os medios puideron esculcar de preto que pode facer Interven por unha franxa de poboación, a das persoas de máis de 65 anos, que na nosa terra vai camiño de ser maioritaria (non é casual, polo tanto, que Intel presente este sistema en Galiza, onde hai 100.000 anciáns que viven sós nos seus domicilios). Interven, que está a ser presentado pola devandita firma nun autobús habilitado como fogar, constitúe un servizo en liña de atención constante dos domicilios das persoas que viven soas pero que, ó mesmo tempo, precisan en ocasións a axuda de terceiras persoas para certas tarefas ou, polo menos, ter consciencia de que hai alguén que os vai poder axudar en caso de requirilo.
Un dos puntos máis salientables do sistema é o que se refire á tecnoloxía chamada Intel Viiv, que só entra en funcionamento cando o usuario (a persoa maior) o solicita e que xira arredor do emprego da videoconferencia, integrada no televisor que o usuario teña na súa vivenda e incluíndo un mando a distancia. Apertando un botón deste aparello poderemos dar conta de calquera incidente.
Interven tamén abrangue un control polo miúdo de tódolos currunchos do fogar, sendo quen de subministrar alarmas por fuxidas de gas, auga ou por intrusión. Segundo sinala Intel, a ferramenta tamén ten capacidade para facer de coidadora. Este seguimento en particular lógrao a través dunha serie de sensores creados pola empresa Netproxectos que serven logo para monotorizar os movementos cotiáns dunha persoa maior, “como ir ó baño ou á cociña, ou o tempo que fica na cama”.
E continúa Intel: “No intre en que se deixa de realizar algún deses hábitos por un período de tempo establecido, o sistema contacta de xeito proactivo cos servizos asistencias para que actúen segundo os protocolos determinados en cada ocasión”.
Interven está baseado en tecnoloxía Intel e contou co apoio das empresas Alegría Activity, Netproyectos e 6W Comunicación.
Podemos ver en A Voz máis información sobre a plataforma.

PUBLICIDADE