Internautas italianos lanzan unha campaña colectiva contra Berlusconi

martes, 11 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Cando todo falla, mesmo a política, sempre nos queda a Rede. Silvio Berlusconi, personaxe elixido democraticamente en Italia, constitúe en certa maneira unha promesa autocumprida da decepción pública. En boa medida, o peor que lle podía pasar ao presidente é que os seus inimigos fixesen fronte común na Internet. As comunidades virtuais, por moito que che fallen, raramente poden levar un país á ruína e ao racismo. En todo caso, e tal e como están as cousas hoxe na vida pública, case teñen máis poder e vontade para evitalo que moitos representantes das institucións. Iso, cambiar as cousas, é precisamente o que quere unha nova plataforma de mobilización virtual xurdida en Italia e agrupada baixo un lema que fala por si só: Son italiano e Berlusconi non fala no meu nome”.
A campaña, que quere contribuír a mellorar a imaxe que se ten do país dende fóra (tendo en conta o pouco que contribúe o seu máximo representante), anima aos internautas a sumarse á iniciativa redactando un pequeno manifesto na liña do dito lema e enviándoo logo cunha foto á web Notspeakinmyname.com, onde se está elaborar un máis que curioso colaxe coas imaxes dos cidadáns italianos mobilizados na Internet contra a política de Berlusconi.
Dáse a casualidade de que o colaxe, gráfico e directo ao xeito das mellores campañas publicitarias saídas daquel país, está formado por imaxes de homes e mulleres de moi variadas idades, clases e condicións. A idea sobre a que se sostén a iniciativa é a de ir alén dunha manifestación en sentido estrito. Aquí hai faces de persoas que se presentan perante o mundo amosando a súa vergoña pola política do cavaliere. Segundo os organizadores, a campaña (referenciada en Chuza! e máis en ADN, onde se ofrece máis información sobre as pingas que veñen de rebordar o vaso da paciencia entre a sociedade italiana) non ten cor política. Aseguran que é unha iniciativa natural de cidadáns.

PUBLICIDADE