Internaco mostra en Lugo os robots máis innovadores para lograr unha agricultura moderna e sustentábel

xoves, 20 de xullo do 2023 S. P.

O grupo galego Internaco, con sede en Ordes, protagonizou este mércores 19 de xullo unha xornada sobre agrorobótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSI) do Campus Terra, da Universidade de Santiago (USC). O obxectivo, en palabras da empresa, foi “trasladar aos alumnos do Grao de Robótica de Lugo (único en España) e a estudantes de disciplinas relacionadas con este ámbito a importancia da innovación na agricultura do futuro, así como as perspectivas que se abren coa implantación da robotización nos traballos do campo”. A cita culminou unha demostración práctica das posibilidades dos robots agrícolas TED e OZ, trebellos de última xeración do grupo.
A xornada contou coas contribucións que realizaron catro expertos da empresa galega, que desde hai máis de 20 anos leva a cabo unha aposta pola innovación e a modernización do sector. Sergio Grau Boix, director de vendas de AG/AG-Group Europe - Internaco Group, foi o encargado de abrir os relatorios cunha presentación do grupo empresarial creado en Ordes en 1976 e que é hoxe un referente no sector maquinaria forestal, agrícola e de xardinería. Segundo fixo saber Sergio, a aposta da firma pola agro-robótica reforzouse nos últimos anos coa incorporación de marcas de referencia no sector como a sueca Husqvarna e a incorporación de AG/AG Group en 2022. Grau fixo fincapé, durante a súa intervención, na “firme decisión de seguir crecendo no sector agrícola español” a través da aposta pola división Innovation, que “presenta unha ampla gama de produtos con solucións respectuosas e sustentábeis co medio ambiente grazas á dixitalización e a robotización do sector agrícola”, dixo, engadindo que “estamos a falar dun futuro moi presente, e os clientes esperan solucións e avances en robótica para todos os desafíos que expón hoxe a agricultura máis respectuosa co medio natural”.
A xornada continuou coas intervencións de Sophie Graillot, enxeñeira de soporte técnico, e Josep Dalmases, responsábel da división Innovation de AG/AG-Group Europe -Internaco Group-, quen expuxo os aspectos máis destacados dos robots agrícolas das marcas FarmDroid e Naïo Technologies, que AG/AG Group distribúe en España e Portugal. Ambas as liñas representan, dixo, “a agricultura do futuro cos robots pensados especialmente para a viña e os cultivos de hortalizas”.
Dese futuro falou precisamente outro dos expertos. Carlos Rivera, xestor de produto de Batería e Automower de Husqvarna, quen foi o encargado de profundar na modernización, a evolución e as perspectivas da robótica no sector do campo e xardín. Uns aspectos que, incidiu, abren novas posibilidades profesionais, xa que “a formación de certos sectores onde terá un gran impacto a robótica será a clave para poder levar a cabo esa gran transformación”.
Tralas súas explicacións, os asistentes puideron comprobar a eficiencia de dúas deses robots cunha demostración no campo de prácticas da Escola. Por unha banda, o modelo TED para traballos en plantacións de viñedo e que se presenta como unha alternativa ao uso de herbicidas, xa que realiza tarefas de roza de forma precisa e respectando o chan. A demostración repetiuse co modelo OZ, para explotacións hortícolas, que mostrou como lograr un óptimo desherbado do viñedo grazas ao seu sistema de mapeado do terreo.
A xornada, coordinada polo profesor de Robótica Javier Bueno, tiña como obxectivo presentar a agro-robótica como un sector en expansión e cun rápido crecemento e implantación, “unha industria en auxe que abre novas perspectivas de futuro para unha agricultura moderna e sustentábel”. Na EPSI do Campus Terra impártese actualmente a titulación de Grao en Robótica, que é a única de España que oferta a posibilidade de especializarse en agro-robótica.

PUBLICIDADE