Intel entra na xunta directiva do proxecto OLPC

luns, 16 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O Classmate PC de Intel xunto a un portátil XO do proxecto OLPC

O proxecto de Negroponte para crear ordenadores portátiles económicos para nenos de países en vías de desenvolvemento, OLPC, estaba a bater contra un duro competidor, Intel, que co seu Classmate PC se dirixía ó mesmo mercado, podendo crear unha situación de competencia insostible (a xuízo de Negroponte, que non de Intel).
Pero o fabricante de procesadores quixo soterrar a machada de guerra, e agora Intel anuncia que vai colaborar co proxecto de Negroponte como exemplo de “compromiso pola educación ó longo de 20 anos” en palabras de Paul Otellini, director de Intel, quen tamén engadiu que cren “no papel da tecnoloxía para proporcionar oportunidades do século XXI a nenos en todo o mundo”.
A colaboración podería supor que os equipos do proxecto OLPC incorporasen procesadores Intel en vez dos AMD que inclúen na actualidade, aínda que non se comentaron os detalles que levaron a Intel a integrarse na directiva do proxecto altruísta.

PUBLICIDADE