Intel colleitou uns ingresos de 13.500 millóns de dólares no segundo trimestre de 2012

mércores, 18 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A compañía Intel, punta de lanza da industria de microprocesadores e circuitos integrados, tirou proveito do parón informativo xerado (como cada ano) a partir de mediados de xullo para presentar o seu reconto de cifras e froitos económicos referentes ao segundo trimestre de 2012, un reconto que pon de manifesto, ante todo, o seu bo estado de saúde e dunha parte da tecnoloxía ligada ás comunicacións e á información en xeral. Deste xeito, informa, os ingresos no devandito período foron de 13.500 millóns de dólares, cuns beneficios operativos de 3.800 millóns, uns beneficios netos de 2.800 millóns e unhas gañancias por acción de 54 centavos de dólar.
Amais disto, ao longo do segundo trimestre, a empresa foi quen de xerar uns ingresos operativos de arredor de 4.700 millóns de dólares, repartindo dividendos por valor de 1.100 millóns de dólares e usando 1.100 millóns de dólares para a re-compra de accións. As razóns de todo isto, sinala Intel, hai que buscalas na continuidade (os datos previos xa eran bos, sobre todo dende a división de centros de datos) e na presentación de sistemas Ultrabook e teléfonos intelixentes alimentados con tecnoloxía de Intel.
Con todo, a compañía adopta unha postura máis crítica co que está por vir. De feito, asume que o intre economócio polo que estamos a pasar ten consecuencias negativas até para os negocios de crecemento máis asegurado, como é o caso do material que serve de alicerce para os trebellos TIC. “Consonte vaia avanzando o terceiro trimestre”, sinala Paul Otelini, presidente de Intel nun comunicado, “asistiremos a un medre algo máis lendo do agardado, froito dun contorno macroeconómico máis adverso”.

PUBLICIDADE