Instagram supera en usuarios activos a Twitter

mércores, 10 de decembro do 2014 Marcus Fernández

As plataformas de redes sociais levan uns meses presumindo do seu volume de usuarios empregando distintos xeitos de medir o seu éxito, dificultando a comparación entre as distintas plataformas, pero resulta innegable que o escenario está a mudar a grande velocidade, e sistemas que chegaron a ser considerados elitistas como Instagram demostran agora ser auténticos fenómenos de masas ao anunciar que superaron os 300 millóns de usuarios activos, que comparten máis de 70 millóns de fotografías e vídeos cada día.
Resulta especialmente salientable que Instagram superase os 300 millóns de usuarios, non só porque a finais de marzo tivese só 200 millóns (polo que o seu crecemento está a ser moi importante) senón tamén porque pasaría por diante dos 284 millóns de usuarios de Twitter e incluso podería superar a LinkedIn (que ten 331 millóns de contas de usuarios, pero non especifican os volume de usuarios que se conecta mensualmente ao seu servizo). Iso si, calquera das plataformas sociais actuais quedan aínda moi lonxe dos 1.300 millóns de usuarios activos en Facebook.
Dende Instagram aproveitan esta nova marca para dar a coñecer que están a estrear placas para identificar contas verificadas, o que fará máis doado que os usuarios poidan conectar con celebridades e bandas musicais. Pero ao igual que están a potenciar as contas de figuras públicas, tamén declaran a guerra a contas falsas e empregadas para facer spam, que borrarán definitivamente.

PUBLICIDADE