Instagram presenta as canles de difusión de Instagram

xoves, 16 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg vén de presentar nos EE.UU. as canles de difusión de Instagram, estreando Meta Channel. Falamos dunha nova ferramenta de mensaxería que permite que os creadores poidan convidar aos seus seareiros a unirse para poder recibir por tal vía actualizacións en forma de textos, fotografías, vídeo e incluso notas de voz, podendo empregarse esta vía de comunicación tamén para a realización de enquisas, sendo os creadores os únicos que poden publicar nestas canles de difusión, mentres que os seareiros poden reaccionar aos contidos e votar nas enquisas.
Esta prestación, que pretende medrar en características e espallarse por todo o mundo nos vindeiros meses, pode resultar demasiado familiar para algúns, pois podemos definila como unha copia das canles de Telegram dentro de Instagram.
As canles de difusión de Instagram polo momento están limitadas a un reducido grupo de creadores nos EE.UU. e os creadores, para instar aos seus seareiros a inscribirse nas mesmas chega con que publiquen contido por primeira vez, o que desencadeará unha notificación aos seareiros para que decidan se queren ou non sumarse a esta vía de comunicación (podendo os usuarios saír en calquera momento ou simplemente silenciar as notificacións cando non desexen ser molestados polas mesmas). Os creadores tamén poden promocionar a súa canle a través dun adhesivo nas súas historias e, dentro de pouco, tamén poderán incorporar unha ligazón ás súas canles no seu perfil de Instagram.

PUBLICIDADE