Instagram permitirá silenciar contas

martes, 22 de maio do 2018 Marcus Fernández

Para ter un maior control sobre as publicacións que vemos en Instagram, a aplicación está a incorporar unha funcionalidade presente en plataformas como Twitter que consiste en poder agochar as publicacións de certas contas sen ter que deixar de seguilas, conseguindo así unha experiencia de uso máis personalizada.
Cando silenciamos unha conta en Instagram podemos seguir vendo as súa publicacións na súa páxina de perfil e recibiremos notificacións se tal usuario nos etiqueta en publicacións ou comentarios. Amais, os usuarios silenciados non saberán de tal acción, e poderá eliminarse o silencio en calquera momento.
O silenciado de contas pode ser só para as publicacións ou tamén para as historias, e pode resultar especialmente interesante en momentos nos que algúns dos nosos amigos está a participar en actividades que non son do noso agrado ou para, por exemplo, evitar spoilers sobre películas e series de televisión, evitando que nos cheguen as publicacións dos amigos que tenden a compartir contidos sobre o audiovisual, evitando así que nos estraguen as sorpresas en pezas que non puidésemos ver no momento da súa estrea.

PUBLICIDADE