Instagram permite seguir cancelos

martes, 12 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Os cancelos, pese a ser unha característica moi asociada a Twitter, están presentes tamén no resto de plataformas sociais, e a que vai darlle un valor inusitado é Instagram, que dende hoxe ofrece a posibilidade de que os usuarios podamos seguir cancelos, como un novo xeito de descubrir fotografías, vídeos e persoas.
Deste xeito non teremos que limitar o uso de cancelos a un uso activo, xa que non será preciso facer unha exploración intensiva de perfís de Instagram afíns aos nosos gustos e intereses, senón que poderemos seguir directamente temáticas, o que tamén terá un grande impacto para os creadores de contidos, que terán que optimizar máis o uso de cancelos para chegar a un público máis amplo e axeitado.
Seguir cancelos é equivalente a seguir a amigos, de xeito que cada cancelo terá a súa propia páxina de perfil na que podemos premer o botón para seguir (e deixar de seguir) esa temática, e tamén estarán dispoñibles na páxina se seguidos do noso perfil (onde poderemos diferenciar agora entre persoas e cancelos, facilitando así a xestión destes últimos).
Cómpre matizar que, agás que mudemos a nosa configuración de privacidade, os cancelos que sigamos estarán visibles para outros usuarios.

Os cancelos compórtanse agora coma se fosen contas de usuarios

PUBLICIDADE