Instagram mellora a xestión de comentarios

mércores, 7 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Para facer de Instagram un lugar máis seguro no que expresarse nos últimos meses veñen introducindo no servizo distintas medidas que faciliten, por exemplo, o filtrado de comentarios en función de palabras chave, e para mellorar esta experiencia veñen de introducir un par de novas funcionalidades moi de agradecer: por unha banda será posible desactivar os comentarios de calquera publicación en calquera momento (tanto na configuración avanzada no momento da publicación como desactivando os comentarios cando xa estea visible) e tamén é posible premer nunha icona dun corazón xunto a cada comentario, como un xeito de transmitir positividade aos comentarios da comunidade.
Estas funcionalidades xa están dispoñibles de xeito xeral, aínda que é posible que algún usuario tarde en poder gozar das mesmas en función da velocidade de espallamento entre os millóns de usuarios do servizo.
Outras novidades de Instagram é que agora facilitan aos usuarios que teñen a súa conta como privada a posibilidade de bloquear a seareiros que aprobaran anteriormente, sen que a persoa bloqueada reciba ningún tipo de notificación; e tamén permítese denunciar anonimamente as publicacións nas que se sospeite que un usuario podería ter intencións de auto-lesionarse.

PUBLICIDADE